A fundación da Agrupación Cultural Galega Saudade non foi un feito circunstancial. A data na que se constituíu, no ano 1982, foi clave. Eran os inicios dos oitenta, e polo tanto, transcorreran só seis anos dende a instauración da democracia en España. Entre os colectivos de emigrantes que residían en Cataluña estaba xurdindo un forte sentimento de identidade coa terra de orixe, unha sensación de saudade que desembocou una vontade de preservaren a cultura e as tradicións propias. Foi así como, nun pequeno local da rúa Santa Otilia, no barrio do Carmelo, naceu a agrupación que hoxe coñecemos co nome de Saudade, alá polo mes de setembro do ano 1982.
O que comezou cun grupo de amigos tivo ó pouco tempo gran arraigo social, sobre todo entre as mozas e mozos. A cantidade e a diversidade de actividades que se desenvolvían na entidade axiña requiriron unhas instalacións máis amplas.
Deste xeito, en 1987 trasladouse o enderezo social da entidade á rúa Chapí 18-20, no barrio de Horta, onde se atopa na actualidade.
O crecemento da asociación non tivo ningún segredo. Os compoñentes que a integraban e a botaron adiante eran persoas novas e dinámicas, comprometidas, que tiñan moito interese e moitas ganas de traballar. Grazas ó seu espírito triunfador e ós seus marcados obxectivos conseguiuse chegar a actual situación. Foi moi importante no desenvolvemento de Saudade a vontade que tiñan, e teñen, os asociados de proxectar a entidade cara ó exterior, a tódolos colectivos que conforman a sociedade da que xorde. Saudade é unha entidade galega aberta a todo o mundo e a tódalas ideoloxías sen distincións.
Na actualidade a entidade oferta unha gran variedade de actividades culturais e sociais, xunto cun espazo de reunión de socios e amigos. A afluencia de todo tipo de público ás actividades e festas sociais que se organizan responde á vontade de acoller no seo da entidade á pluralidade da sociedade e reafirma á Agrupación Cultural Galega Saudade como…